quinta-feira, 27 de março de 2014

Galiza mobilízase en defensa da sanidade pública, gratuíta e universal



Miles de galegos e galegas saíron á rúa, atendendo á chamada da Plataforma Sindical da Saúde, conformada por CIG, CCOO, UGT, C-SIF, CESM e OMEGA, nas cidades e vilas do país para defender a sanidade pública, denunciar as políticas privatizadoras do Partido Popular e exixir que se preserve a gratuidade e o carácter público e universal do noso sistema sanitario.

Cun total de 11 manifestacións e 2 concentracións, persoal sanitario e miles de usuarias e usuarios percorreron as principais rúas das cidades e vilas galegas en todas as áreas sanitarias para denunciar o desmantelamento da sanidade pública e exixir outras políticas que preserven o seu carácter gratuíto e universal.

Estas mobilizacións son, para María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, “a demostración do malestar que hai entre a cidadanía por mor das políticas do “Partido Popular” e constatan que as galegas e galegos “non imos consentir que se venda a sanidade pública para beneficio das súas empresas amigas, deixando a unha grande maioría da poboación sen máis prestacións que as básicas a medida que se poñan en marcha os procesos de privatización”.

Abuín alertou de que coas políticas de recorte e de privatización as empresas da sanidade privada atenderán aquelas patoloxías que máis beneficios lles garantan e derivarán á sanidade pública as máis custosas provocando maior demora na súa prestación”.

Isto terá como consecuencia, segundo a secretaria nacional de CIG-Saúde, unha prestación sanitaria de calidade para quen poida pagala e unha sanidade de beneficencia para quen non teña os recursos necesarios, que son a maioría das galegas e galegos.

Manifesto

Ao remate das mobilizacións deuse lectura a un manifesto no que se denuncia que coa chegada de Feijóo á Xunta, o Partido Popular iniciou unha campaña de recortes, desmantelamento e privatizacións da Sanidade Pública, pretendendo que a sanidade “sexa un privilexio, accesible a quen o poida costear a través dos repagos que tratan de impor. Ou acudindo á sanidade privada, adiantando os cartos que despois o SERGAS reintregará”.

Subliñaron que a sanidade é unha necesidade e un dereito e que “ante a enfermidade, precisamos duns servizos sanitarios que nos axuden a mellorar, a sobrelevar a debilidade que nos produce, a sandar”. Para garantir isto demandaron uns servizos sanitarios que atendan a todos e todas “por igual, sen discriminacións nin desigualdades”, o que entenden que só se garante cunha sanidade pública.

(...)

Retirado daqui

Sem comentários: